Friday 29 de March de 2024

Xosé Regueira defende as oportunidades do turismo urbano do Camiño Inglés


O vicepresidente da Deputación e deputado de turismo posta por ampliar o perímetro e por un pacto social para “construír novas e atractivas cidades”

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou na Xornada de Turismo Urbano na Escola Universitaria de Turismo CENP cunha intervención na que destacou a potencialidade das tres cidades do trazado do Camiño Inglés. Regueira apostou pola mellora da calidade urbana para facelas máis atractivas e por incluír ás periferias nos ámbitos de interese para visitantes.

Que as cidades melloren a calidade de vida da súa veciñanza, que teñan servizos modernos e prácticos e que sumen os sectores institucionais e sociais nun interese común son, para Xosé Regueira, claves para o desenvolvemento turístico das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol no marco do Camiño Inglés, tese que defendeu no encontro celebrado na Escola Universitaria de Turismo.

Diálogo social

“Nesta altura, temos que recoñecer que falta estratexia de promoción urbana e diálogo coa sociedade en xeral no ámbito turístico, non só co sector que está interesado na súa rendibilidade. Estamos nun momento en que hai que implicar á poboación na promoción turística”, dixo Regueira. Apostou, neste sentido, por “construír un turismo urbano diferente, sustentábel e ampliando o perímetro das propias cidades e eliminando a presión sobre os centros históricos, o que é tamén responsabilidade das institucións e precisa un pacto social claro”, sinalou, referíndose de maneira especial ao que acontece en Santiago de Compostela.

Defendeu o interese e a potencialidade do turismo urbano “o máis antigo que se coñece” e o que máis crecemento está a experimentar presentou o “reto” de ofrecer o que se busca nas cidades “historia, ocio, coñecemento, experiencias, compras, congreso, negocios, industria… sectores que hai que apoiar para facermos as cidades máis atractivas”.

Xosé Regueira apostou, neste sentido, por “ofrecer unha estratexia urbana de promoción turística xa que, ás veces, toda a aposta se centra no rural cando podemos defender unha oferta urbana que se pode posicionar nos mercados”. Explicou así que as tres cidades, Coruña, Santiago e Ferrol, teñen moito que ofrecer cunha identidade propia, con recursos singulares como o gastronómico e de concertos no caso da Coruña, o histórico e patrimonial en Santiago e o pasado vinculado á Ilustración en Ferrol, por citar só algún exemplo de cada unha.

“Promocionar as cidades e a partir delas o conxunto do territorio sería unha estratexia adecuada, e, para iso, precisamos transportes de calidade e unha grande conectividade, fundamentais para o desenvolvemento desta potencialidade”, explicou.